O diálogo “A república” (“Politeia”) e que ten como subtítulo “sobre a xustiza” é a mellor exposición do pensamento platónico.

O tema do diálogo é o da busca da organización sociopolítica xusta e modélica. O Estado que deseña platón é un estado ideal e utópico ao que deben tentar aproximarse os estados reais se pretenden conseguir o ben e a xustiza da sociedade.

Sabemos do desgusto de Platón coa democracia do seu tempo, dos seus ideais aristocráticos e das súas frustradas experiencias políticas; a república é o testimonio teórico de todas esas posturas.

a) As clases sociais.

A orixe da polis radica na impotencia individual para satisfacer as propias necesidades. Neste sentido Platón fala da conveniencia da existencia de tres clases sociais.

En primeiro lugar é precisa a clase dos traballadores, que ofreza á polis os recursos para satisfacer as necesidades básicas. Ao medrar a polis son inevitables os conflitos coas polis colindantes. Faise precisa entón outra clase, para poder enfrontarse a eses conflitos: a dos militares ou gardiáns. Por último farase precisa unha clase que exerza o poder político dirixindo o rumbo da polis. Esta clase nacerá a partir da dos militares e será a dos gobernantes.

Pero ¿cómo se determina a adscrición de unha persoa a unha clase?.

Según Platón a nosa natureza predisponnos para exercitar determinado tipo de tarefas. Os individuos non somos iguais por natureza. A desigualdade entre os individuos non se basea en criterios externos (riqueza, poder…) senón en criterios como a capacidade intelectual innata.

Platón expresa esta concepción a través do mito dos metais: existen homes de ouro, outros de prata e outros compostos de ferro e bronce. Cada un destes tipos de individuos nace cunha función diferente. O estado debe seguir á natureza e elixir ben a cada individuo para a función á que está destinado.

O estado será o que se encargue de elixir a cada individuo para o papel social que lle corresponderá e de sacar del o mellor de si a través da educación.

Platón tenta afianzar o seu ideal clasista na súa teoría acerca das partes da alma, argumentando que, ao igual que a alma ten tres partes (concupiscible, irascible e racional) así o estado debe estar formado por tres clases sociais (traballadores, militares e gobernantes) nas que predominan cada unha destas partes da alma.

As virtudes correspondentes a estas tres clases sociais son as correspondentes aos tres tipos de alma: a templanza (correspondente á alma concupiscible e á clase dos traballadores) a fortaleza (correspondente a aqueles nos que domina a alma irascible, a clase dos militares) e a prudencia ou sabiduría (correspondente á alma racional propia da clase gobernante). A harmonía das tres partes da alma e a das tres clases sociais é a xustiza. No aspecto social a xustiza sería é facer cada un o que lle é propio sen inmiscuirse no dos demais.

Platón formula unha antítese dos ideais democráticos: estes supoñen que todo individuo ten capacidade e pode acceder a postos de responsabilidade política. Platón nega este ideal afirmando e pretendendo xustificar as diferenzas sociais.

b) As formas de goberno.

O estado perfecto que Platón suxire é un estado aristocrático; o poder (Kratos) dos mellores (Aristos).

O resto das tipoloxías políticas son dexeneracións do estado aristocrático.

A Timocracia (poder dos militares) é unha dexeneración da aristocracia. Caracterízase pola ambición da clase militar, que non mira pola felicidade común senón pola prosperidade persoal.

Esa forma de goberno dexenera na Oligarquía (goberno dos poderosos e adiñeirados). Caracterizase pola cobiza das clases dirixentes. As clases populares acaban opoñéndose a este réxime, dando lugar á democracia (goberno do pobo), á que Platón achaca a posta en igualdade de ignorantes e sabios, a dirección do estado non se reserva para os máis preparados. Consecuencia do clima de inestabilidade que xenera é a busca dun salvador que consiga resolver esa situación. Chegase así á máis dexenerada das formas de goberno; a Tiranía (O goberno de un líder).

A república é unha das primeiras análises das formas de goberno. Unha obra fundamental para abordar a orixe das teorías políticas.