a/ pasaxe da liña dividida
Platón distingue varios grados de coñecemento. Os grados de coñecemento teñen como correlato os distintos niveis do ser (sensible—intelixible).
No final do libro VI da “república” esquematiza esta idea servíndose da imaxe dunha liña que vai dividindo e facendo corresponder os seus segmentos aos distintos grados de coñecemento.
“Colle, pois unha liña que estea dividida en dous segmentos e divide outra vez cada segmento según a mesma proporción, o do xénero visible e o do intelixible, e terás – Segundo a claridade e a escuridade de cada un – no visible un primeiro segmento: as imaxes. Chamámoslles imaxes, antes ca nada ás sombras, despois ás visións que se forman na auga e naquelas cousas que son sólidas, lisas e brillantes, e a todo o que é parecido a isto [....] No outro segmento pon tanto os animais que nos rodean coma o que está plantado e o xénero enteiro das cousas elaboradas”
O coñecemento divídese en dous grandes segmentos:
- o “coñecemento” sensible (ao que denominará “opinión”, Doxa)
– o coñecemento Intelixible (“Ciencia”, episteme).
A opinión sería o coñecemento propio do mundo das cousas cambiantes, do mundo sensible. Basease na sensibilidade e na experiencia e non constitúe verdadeiro coñecemento.
A ciencia é coñecemento do mundo intelixible (ideas); é verdadeiro coñecemento: seguro, universal, perfecto. Basease na razón.
O coñecemento para Platón, como vemos, defínese inicialmente en función dos seus obxectos, depende da categoría dos obxectos de que trate.
imaxes —–(reflexos de)—-> Cousas —— (copias de)—-> Ideas
Dentro do coñecemento dos obxectos visibles os obxectos máis pobres son as sombras e as imaxes reflexadas, dependentes dos obxectos orixinais. Así, o coñecemento baseado nesas imaxes é tamén o máis pobre que pode ter o home (denomina a ese tipo de coñecemento “imaxinación”). O coñecemento a partir dos obxectos naturais e artificiais tampouco é un coñecemento dun rango moi elevado; Platón denomínao “crenza”, pois a partir da natureza cambiante dos obxectos non poden formularse xuízos universais.
Despois de dividir o segmento que representa o nivel visible da realidade en imaxes e obxectos naturais e artificiais, o texto continúa facendo a división do segmento intelixible. Este pódese dividir tamén en dous ámbitos: o dos obxectos matemáticos e o das ideas (os obxectos matemáticos son o reflexo dos entes matemáticos ideais, que constitúen o elemento esencial das ideas).
A respecto dos obxectos matemáticos o nosa vía de coñecemento é o pensamento razoado (razón discursiva – Dianoia). Pero esta é so unha vía para achegarnos ao verdadeiro coñecemento das ideas, que non é razoado, senón que é intuitivo.
Podemos operar coas nocións de igual ou de dobre ou metade, pero as ideas de igualdade e dualidade non se nos dan no razoamento matemático senón que de algún modo están presupostas nel. Estas ideas so poden ser intuídas en maior ou menor grado a través da rememoración. A esta razón intuitiva denomínaa Platón Nous.
b/ Alegoría da caverna
Platón expón de xeito alegórico tanto os distintos niveis de coñecemento como os distintos niveis de realidade na denominada alegoría ou mito da caverna que se expón ao inicio do libro VII da república (despois da pasaxe da liña dividida).
O mito describe a uns prisioneiros que levan toda a vida nunha caverna vendo as sombras de obxectos de madeira imitando seres naturais e artificiais que se proxectan na parede de enfronte. Para eles esa é a realidade ate que os liberan e os obrigan a contemplar, primeiro esas representacións que proxectan as sombras e logo, sacándoos da caverna, os obxectos reais que serviron de modelo a esas representacións e, por último, chegan a ver que é o sol o que fai posible a visión deses obxectos reais, considerándoo así a realidade máis excelsa.
(pulsa na imaxe para ver o esquema)
A alegoría pode explicarse equiparando:
Caverna = Mundo sensible
Sombras = Imaxes das cousas – Imaxinación.
Representacións de madeira = Cousas que imitan as ideas – Crenza.
Exterior da caverna = Mundo das ideas.
Cousas reais = Ideas.
Sol = Idea de ben.
O proceso da liberación que se narra expresa o paso dende o nivel máis baixo de coñecemento (imaxinación) ate o máis alto (coñecemento das ideas) e describe tamén, en paralelo, os distintos niveis de realidade considerados por Platón.

