1/ Orixe da teoría das ideas.

A teoría das Ideas representa o núcleo da filosofía platónica. Para os presocráticos debe existir algo estable debaixo das aparencias cambiantes do mundo natural.
Para Sócrates deben existir uns valores absolutos en vez dos valores morais relativos que observamos na nosa sociedade e que defendían os sofistas.
Platón non considera eses dous planos (natural / político-moral) por separado. Todas as realidades cambiantes da nosa experiencia (tanto naturais como político-morais) deben referirse a algo estable e que non cambie.

Platón elabora unha teoría xeral, a medias entre o pensamento racional e o mito, para dar solución a esa cuestión: En liñas xerais a teoría das ideas afirma que todas esas realidades cambiantes están baseadas nuns modelos estables que existen independentemente das persoas. Eses modelos son denominados ideas.

A teoría das ideas é formulada con tres propósitos:

a) Dende o punto de vista do coñecemento: Coa teoría das ideas Platón pretende proporcionar un fundamento firme ao saber. Non podendo constituír a realidade física o obxecto dese saber, postulará a existencia das ideas como obxectos estables que son o obxecto do coñecemento.
b) Dende o punto de vista ético: Seguindo a Sócrates contra o relativismo moral sofístico, Platón quere fundar a virtude sobre o saber, para o cal supón a existencia das ideas de valores morais como entidades subsistentes e eternas: a xustiza en si, o ben en si, etc.
c) Dende o punto de vista político: O fin máis alto da filosofía platónica é a organización da sociedade. A reforma do estado debe levarse a cabo conforme ao coñecemento da xustiza, un coñecemento que pasa polo coñecemento da teoría das ideas.

2/ O mundo sensible e o mundo intelixible.

Platón distingue dous modos de realidade, unha, á que chama intelixible, e outra á que chama sensible. A realidade intelixible, constituída polas ideas, ten as características de ser inmaterial, eterna, sendo, polo tanto, allea ao cambio, e constitúe o modelo ou arquetipo da outra realidade, a sensible, constituída polo que ordinariamente chamamos “cousas”, e que ten as características de ser material, corruptible, (sometida ao cambio, isto é, á xeración e á destrución), e que resulta non ser máis que unha copia da realidade intelixible.
A realidade intelixible ten as características do ser de Parménides mentres que a sensible recolle as ideas sobre o cambio de Heráclito.
A primeira forma de realidade, constituída polas Ideas, representaría o verdadeiro ser, mentres que da segunda forma de realidade, as realidades materiais ou “cousas”, achándose nun constante devir, nunca poderá dicirse delas que verdadeiramente son. Pero o mundo sensible non se pode ver reducido a unha mera ilusión. Aínda que o seu grao de realidade non poida compararse ao das Ideas ha de ter algunha consistencia, un grado de realidade inferior.
Ademais, só o mundo intelixible é susceptible dun verdadeiro coñecemento ou “episteme”, mentres que a realidade sensible, as cousas, só son susceptibles de opinión ou “doxa”.
O mundo das ideas (Kosmos noétos) ten unha existencia independente do mundo sensible (Kosmos horatós). Existe unha separación (“khorismós”) entre o sensible e o intelixible.

Esquema teoría das ideas.ppt

3/ Definición de idea.

Para nós unha idea é un contido mental, un concepto.
Para Platón representan aquilo que está comprendido no concepto; pero coa particularidade de que non se pode confundir co concepto, polo que as Ideas platónicas non son contidos mentais, senón obxectos aos que se refiren os contidos mentais designados polo concepto, e que expresamos a través da linguaxe.
Eses obxectos ou “esencias” subsisten independentemente de que sexan ou non pensados, son algo distinto do pensamento.

cousas > termos lingüísticos > concepto mental > Ideas

O termino idea, para os gregos referíase ao aspecto ou figura que presenta unha cousa cando a vemos; a súa forma visible. Este significado está na base do uso que Platón fai do termino.

Para Platón, unha idea pode ser definida coma unha forma ideal, intelixible e subsistente.
As ideas non son materia, senón forma. A forma para Platón non se refire á aparencia visual sensible, ao aspecto cualitativo de algo senón á configuración intelixible da aparencia (unha relación matemática ideal).

As ideas son formas ideais; existen formas privilexiadas, configuracións máis perfectas que outras. Estas configuracións non se captan polos sentidos, senón que son puramente intelixibles (accesibles a través do razoamento). Por último, estas formas intelixibles son ademais subsistentes; non son creacións da nosa mente, senón que teñen unha existencia independente (no mundo das ideas) coma si se tratase de obxectos.

4/ Relación entre as ideas e as cousas.

No Timeo explica, baixo a forma de un mito, que o Demiurgo (unha especie de artesán cósmico) crea a realidade aplicando os modelos que contempla no mundo das ideas sobre unha realidade material preexistente e imperfecta.
As cousas serían as copias imperfectas e defectuosas das ideas. A relación entre cousas e ideas é de imitación; a relación entre a copia e o modelo.

5/ Tipos de ideas.

En primeiro lugar están os entes matemáticos ideais (influencia pitagórica). O tipo de entidades nas que se basean aquelas que manexan os matemáticos. En xeometría manexamos círculos concretos, pero todos os círculos concretos sensibles baséanse nunha entidade matemática ideal que é a “circularidade”, que é algo que non se visualiza, que é intelixible e que nunca cambia (mentres que os círculos concretos sí o poden facer).
Influído por Sócrates vese tamén obrigado a supoñer a necesaria existencia ideal dos valores morais; á marxe de que se dean ou non neste mundo casos de xustiza ou inxustiza, a xustiza ten que consistir en algo. Se non tiveramos unha referencia estable non poderíamos distinguir a xustiza da inxustiza. O discurso que se refire á xustiza en Atenas, en Corinto ou en Tebas sen referencia á xustiza en si non sería ningún tipo de saber.
Platón considera tamén que existen valores estéticos absolutos, fala entón da beleza en si. Se hai cousas das que podemos dicir que son fermosas; esta estatua, este templo, isto quere dicir que de algún modo remiten á idea de beleza.
(A arte grega e a cuestión do canon)

Ideas de cousas. As propias cousas das que predicamos nomes (cabalos, casas, homes…) e que percibimos polos sentidos deben ter unha referencia as súas formas ideais para que poidan ter un ser estable. As casas constrúense e acaban caendo, pero a idea de casa permanece coma se fose algo independente.
Se podemos dicir de algo que é un home é porque temos de antemán un coñecemento da idea de home.

A identificación dos entes matemáticos coas ideas non parece difícil dado o seu carácter formal. A admisión de ideais estéticos tampouco resulta difícil dentro do marco do pensamento estético grego (Onde a beleza se basea na plasmación de formas canónicas), pero a admisión de ideas como as de ben ou xustiza resultan máis difíciles de conceptuar como “formas ideais”.
Pero Platón cree que a teoría debe chegar a explicar tamén eses fenómenos e tentará facer o seu enfoque da ética e da política dende a idea de orden e harmonía. Veremos que Platón entenderá estes conceptos como relacións harmónicas entre as partes da alma ou as clases sociais.

6/ Xerarquía das ideas

As ideas estarían xerarquizadas.
Segundo Aristóteles, Platón terminou por identificar as Ideas cos números. O carácter último das ideas é unha forma ou configuración matemática ideal, por iso segundo as últimas interpretacións Platón situaría os entes matemáticos ideais (dualidade, circularidade…) na cúspide da xerarquía.
Hai dúas ideas que estarían xusto a continuación: as ideas de ben e beleza (case intercambiables).
Se o ben se entende como a perfección á que tenden todas as cousas (O orden harmónico que preside o mundo das ideas) e a beleza é a presenza desa perfección nas cousas, estaríamos falando do mesmo.
A continuación estarían as ideas de valores (xustiza, valentía…) e de obxectos materiais (Home, casa…).
Por último estarían os entes matemáticos non ideais: Os números, liñas e figuras cos que traballan os matemáticos. As obxectos da matemáticas son entes intermedios porque reflicten algunhas características das ideas e outras do mundo sensible.

1 – Entes matemáticos (números e figuras) ideais.
2 – Ideas xeneralísimas (Idea de ben, idea de beleza)
3 – Valores e ideas de obxectos materiais (xustiza, Valentía, casa…)
4 – Entes matemáticos non ideais (2 obxectos, un círculo trazado con compás…).

7/ Revisión crítica da teoría das ideas.

Nos diálogos de vellez, entre eles, no “Parménides”, Platón revisa a teoría das Ideas, especialmente no referente á relación das Ideas coas cousas e ás clases de Ideas, así como as relacións que poida haber entre elas.
Polo que respecta á relación entre as Ideas e as cousas expón Platón dúas formas de relación: a imitación e a participación.
A semellanza mutua que existe entre os obxectos é o resultado da imitación dun modelo que permanece el mesmo inmutable; pero tal afirmación plantexa un problema: se iso é así, entón a semellanza que existe entre os obxectos da mesma clase e o modelo que imitan deberá ter á súa vez a súa razón explicativa nun terceiro modelo ao que imiten tanto a Idea como as cousas; e este argumento poderíase realizar indefinidamente, xa que sempre necesitariamos recorrer a un terceiro modelo explicativo das sucesivas semellanzas que van aparecendo (é o argumento coñecido como ” do terceiro home”).
Que ocorre se en lugar de imitación falamos de participación? Os problemas non parecen desaparecer, senón multiplicarse: Participan as cousas de toda a Idea ou só dunha parte dela? No primeiro caso tería que haber tantas Ideas como cousas, o que contradí a non multiplicidade de Ideas; no segundo caso as cousas participarían só dunha parte da Idea, o que tamén contradí os principios da indivisibilidade das Ideas.
No transcurso da discusión Sócrates é incapaz de solucionar os problemas que lle expón Parménides, pero resístese a abandonar a teoría das Ideas.

Outra cuestión que se discute é a de se existen Ideas de todas as cousas ou só dos obxectos ou realidades nobres; Sócrates volve recoñecer o absurdo que parece afirmar que existen Ideas de cousas innobres, como o pelo e cousas así, pero tampouco está disposto a renunciar á súa teoría.

8/ Evolución da teoría das ideas.

Nos primeiros diálogos non achamos nada que nos poida suxerir que Platón estivese en posesión da teoría das Ideas. O discurso socrático nestes diálogos está orientado cara á procura dunha definición das virtudes, tendo unha intencionalidade fundamentalmente ética.
Nos diálogos de transición si atopamos algúns elementos que parecen orientar o pensamento de Platón cara a devandita teoría, como pode ser a formulación da teoría da reminiscencia no “Menón”.
A teoría como tal non se atopa formulada en ningunha das súas obras, senón tratada, desde diferentes aspectos, en varias das súas obras de madurez como “A República”, “Fedón” e “Fedro”, nos que, por mor de distintos temas, Platón presenta a teoría das Ideas apoiándose en explicacións figuradas que veñen recollidas en forma de mitos. Neste período podemos destacar unha preocupación pola teoría do coñecemento que tenta facer encaixar coa teoría das ideas.
E aínda que no período de vellez Platón adopta unha actitude crítica coa teoría das Ideas non parece tela abandonado nunca.

Anexo I: Relación entre a teoría das ideas e a arte grega

O termino idea, para os gregos refírese ao aspecto ou figura que presenta unha cousa; a súa forma visible. Este significado está na base do uso que Platón fai do termino.

O termino forma, de entrada, oponse a materia. Platón criticaba aos presocráticos que consideraran que a causa da realidade era a materia (arjé = principio material). Por contra, el pensaba que a verdadeira causa reside nas formas (ideas).

Para entender a concepción da forma que tiñan os gregos imaxinemos un templo grego como pode ser o Partenón.. ¿Cómo se constrúe?. O Partenón non é o resultado dunha simple acumulación de pedras ou da imitación visual aproximada de outros templos, nin sequera unha repetición das medidas exactas de outro templo. Para os arquitectos gregos é a plasmación dun sistema de relacións; o que se chama un “canon”. O arquitecto coloca as pedras segundo unha serie de distribucións harmónicas que son expresión de razóns numéricas ou xeométricas.

As proporcións de un templo expresábanse a través de relacións numéricas referidas ao radio da columna. A beleza dunha escultura baseábase na plasmación na pedra da sección áurea.etc..escultural.jpgAs formas máis perfectas da realidade, as que expresaban a beleza, eran, para os gregos plasmación de canons; sistemas de proporcións baseados en magnitudes conmensurables (aritméticas) ou inconmensurables (a partir de procedementos xeométricos: razón áurea).
Platón sintoniza con esta idea que está na cultura grega. A materia forma a realidade na medida en que se configura seguindo o modelo de formas ideais.

Non serve calquera forma, senón que existen formas privilexiadas, perfectas, nos diríamos que ideais. As realidades mais perfectas, as realidades “como é debido” son as que se adaptan a certos patróns formais idealizados e que so son plenamente perceptibles polo entendemento.

Dicíamos que as ideas era formas ideais e ademais intelixibles. Non se captan a través dos sentidos. O seu caracter é fortemente matemático e xeométrico (ao estilo pitagórico).