1/ Caracterización

Sócrates viviu na época de esplendor da democracia grega e foi contemporáneo dos sofistas. O único que sabemos del foi o que nos transmitiron determinadas obras literarias (Platón, Jenofonte…) e nelas Sócrates é tratado coma un personaxe, distorsionada a súa imaxe segundo quen fale del.
Algúns considerárono un sofista máis (tiña tamén discípulos e falaba con eles de cuestións parecidas ás dos sofistas).

Pero non encaixaba na sofística.

- Era ateniense mentres que os sofistas eran estranxeiros.
- Non cobraba polos seus servizos.
- Non escribiu nada.


2/ A cuestión da ensinanza da Areté

Distinguíase sobre todo dos sofistas nunha cuestión; a da posibilidade de ensinar a areté (virtude).
Os sofistas pensaban que a Areté podía ensinarse, Sócrates cria que non. Para os sofistas calquera podía adquirir o saber necesario para ter unha boa actuación na política da cidade. O saber era algo democrático.
Pero Sócrates argumenta que a Areté non se transmite, que é algo que xa temos e que so hai que sacar do noso interior.
A cuestión acerca de se a virtude podía ensinarse reflectía o conflito entre os vellos ideais aristocráticos e as novas clases que empezaban a destacar.

A idea tradicional, tal e como aparece en Eurípides, Antifonte ou Píndaro era que non se podía ensinar; transmítese pola asociación coa “xente boa”, xunto coas calidades innatas do carácter de calquera xoven de boa cuna. A virtude dependería de certas calidades naturais.

3/ O método socrático: Ironía e maieutica.

Pero se para Sócrates a Areté non se pode ensinar senón que é algo que xa temos por natureza e que so hai que sacar á luz. ¿Cal é o método que emprega?.
O método que usaba Sócrates nas discusións cos seus discípulos tiña dúas partes: a ironía e a maieutica.

a) Ironía. Fai preguntas ao seu contertulio (que supón saber sobre un tema dado) de tal modo que descubra a súa ignorancia. Primeiro desarma ao contrario. O saber Socrático fundase sobre a ignorancia. “so sei que non sei nada”. Nese punto comeza outro proceso.

b) Maieutica. (obstetricia, arte das comadroas). Facer preguntas tales que o outro chegue a descubrir as verdades en sí mesmo. Coma se a alma levara gravados os coñecementos no seu interior e so fixese falla espertalos (dar a luz) coas preguntas adecuadas. Axudalos a nacer.

Neste sentido, Sócrates non comunica doutrina algunha. Busca verdades interrogando aos seus discípulos polas rúas de Atenas.

4/ O razoamento indutivo e a definición do universal.

Aristóteles di que “Dúas cousas poden ser atribuídas a Sócrates: os razoamentos indutivos e a definición do universal”.
A Sócrates interésalle o mesmo tipo de temas que aos sofistas = Cuestións ético-políticas.
O obrar ben ou mal, a xustiza, etc…
Sócrates combate o relativismo dos sofistas. Para eles o bo e o malo son sempre relativos = no hai nada bo e malo en si, senón que é o pensamento dos homes o que o fai tal. Negan a obxectividade dos valores.
Sócrates empeza sempre con unha pregunta ¿Qué é a xustiza?, por exemplo, e espera que o outro lle de unha definición. Sócrates pon obxeccións ás definicións que vai dando o seu interlocutor. O diálogo diríxese á busca de unha definición universal de “xustiza” que englobe todos os casos particulares. Suponse que esa definición existe. O seu diálogo normalmente remata sen unha solución.

O proceso é indutivo, parte de casos concretos, pero a definición que se busca debe ser universal, debe valer para todos os casos.
Isto denominase “conceptualismo” socrático. Os conceptos deben estar máis alá das opinións humanas; no fondo non son construídos polos homes, senón que están impresos nas súas almas (pero non por un proceso social de aprendizaxe). A oposición aos sofistas é clara. O home non produce saber, non constrúe, so saca á luz o que xa estaba aí. O que debería estar aí son uns valores morais absolutos (e non relativos).

Esta é unha idea de fortes connotacións sociopolíticas.

5/ Intelectualismo moral.

A doutrina ética máis característica de Sócrates é o que coñecemos como “intelectualismo moral”. A virtude pode ser coñecida (coñécete a ti mesmo); O que coñece o que e bo, obra ben, ninguén obra mal con coñecemento.

6/ A condena de Sócrates.

Estas actividades de Sócrates deberon parecer moi estrañas aos seus concidadáns. Tanto foi así que tres deles o denunciaron e tivo que responder ante a xustiza polos seguintes cargos:

a) por non honrar aos deuses que honra a cidade e por introducir daimóns estraños.
b) Por botar a perder á xuventude.
Sócrates foi condenado a beber a cicuta (era o sistema que usaban para as penas de morte). Despois do establecemento da pena Sócrates renunciou á posibilidade de propoñer unha pena alternativa (antitimesis) e parece ser que non aceptou o ofrecemento dun plan de fuga. Estes xestos axudaron a formar a imaxe dun Sócrates heroico, que se sacrifica antes de tentar eludir as leis da cidade.