1/ A orixe e esplendor da democracia grega.A filosofía no século VI a.C. correspóndese coa chamada filosofía presocrática. Para entender os cambios que se producen na filosofía do século V a.C. é preciso coñecer o marco democrático no que esta nace.A finais do período arcaico algúns estados gregos derrocaron aos tiranos e adoptaron un sistema de goberno coñecido como “democracia” (Demos = Pobo, Kratos = Goberno).
A partir do ano 508 A.C. establecese en Atenas o réxime democrático. Foi introducida por un lexislador chamado Clístenes.
Na primeira metade do século V o final da guerra que os gregos manteñen contra os persas sitúa a Esparta e Atenas como potencias preponderantes.
Esparta consolidase como potencia militar terrestre e establece a súa hexemonía no Peloponeso.
Atenas, dona dos mares, está ao fronte da liga de Delos, na que moitas cidades son fozadas a estar, permanecer e pagar tributos.
Na época de Pericles Atenas é unha potencia imperialista que practica posturas de forza cara ao exterior e comportamentos democráticos cara ao interior. Esta é a época de esplendor da democracia grega.
- Caracterización da democracia grega.
A idea de Clístenes era a de realizar unha reestruturación da sociedade que anulara o control dos postos de poder por parte da aristocracia.
Para conseguir ese obxectivo Clístenes dividiu o pobo da Ática (Atenas e áreas circundantes) en distintos grupos para fins administrativos. Dividiu a poboación en pequenas comunidades denominadas “Demos” (As persoas eran recoñecidas polo “demos” ao que pertencían e non polo seu patronímico; x, do “demo” de Y). Había 100 demos aproximadamente.Estes demos agrupábanse en 10 filei ou Tribos, de forma que cada tribo tivera demos representantes da cidade, do campo circundante e da costa.Cada tribo elexía a 50 representantes. Estes representantes das tribos constituían o Consello dos 500 (Bulé). O órgano directivo da asemblea dos 500, constituído por 50 membros dunha tribo, denominábase Pritanía (cada unha delas turnábase no goberno en turnos de 36 días e realizaba as súas reunións nun edificio circular denominado Tholos) , e o seu presidente (Pritán) cambiaba cada día.
Todos os cidadáns das 10 tribos formaban a asemblea e tiñan o dereito de falar e votar.
A asemblea reuníase cada 10 días nunha colina chamada Pnyx.
A asemblea debatía as propostas que lle presentaba o Consello dos 500 e podía aprobar, cambiar ou rechazar as súas propostas.
Con este sistema todos os cidadáns de pleno dereito (Excluíndo a mulleres, estranxeiros e escravos) tiñan voz e voto no goberno da cidade estado.Cada tribo elexía un estratego (un comandante militar) para dirixir o exército e dirixían 10 rexementos (un por cada tribo). Estaban baixo o mando dun arconte (arconte polemarco). Os arcontes eran 9 funcionarios elixidos anualmente por sorteo entre os cidadáns. O arcontado era unha pervivencia institucional do período arcaico.
Para evitar o retorno das tiranías eliminando aos políticos máis impopulares usaban estableceuse o “ostracismo”. Unha vez ao ano reuníase a asemblea para unha votación de ostracismo. Cada cidadán escribía nun anaco de cerámica rota (Óstracon) o nome dun político ao que desexaba ver desterrado. Se o político recibía 6000 votos debía exiliarse de Atenas durante 10 anos.Das colonias, a filosofía trasladase a Atenas. Son os sofistas e Sócrates os filósofos que representan as preocupacións e intereses da democracia ateniense. Co trunfo da democracia, o esplendor económico e cultural, e a preponderancia política de Atenas crease unha situación inédita que plantexa novos problemas de caracter ético, político e social que desprazarán aos intereses cosmolóxicos dos filósofos presocráticos.
2/ Caracterización dos sofistas.
Os sofistas eran estranxeiros en Atenas, enormemente cultos e coñecedores –a través dos seus numerosos viaxes- das diversas formas de pensar e vivir dos demais gregos. A palabra “sofista” (sophistés) foi así, ao principio, un sinónimo de “sabio” (sophós).
Aportan novas ideas, que serán acollidas con entusiasmo polas novas xeracións e encontrarán a oposición dos que mantiñan a visión máis tradicional.
Ao ser estranxeiros en Atenas (“metecos”), os sofistas non podían intervir directamente na política da cidade. Sen embargo, eles formaban á maioría dos políticos atenienses.
A súa actividade foi moi grande. En primeiro lugar, foron educadores –a soldo- da xuventude, creando un modelo renovado de ensino, máis ampla e máis ao día. Daban especial importancia á oratoria e á erística (arte da discusión), ensinando a convencer na Asemblea pública e a gañar preitos nos tribunais (onde non había avogados e cada un debía defenderse por si mesmo). Ademais, foron grandes oradores: os seus notables discursos foron o medio empregado para difundir as súas ideas. Por fin, tamén foron escritores, pero as súas obras perdéronse e só quedan escasos fragmentos.
Ideas principais dos sofistas
Os sofistas introducen a distinción Physis / Nomos.
Entenden por Physis todo aquilo que é así por natureza; os procesos (no mundo, no home o una sociedade) que non son instituídos polo ser humano, que non son froito dunha decisión humana.
O “Nomos” incluiría as crenzas, costumes, usos sociais, políticos e as accións froito dunha decisión humana, que son instituídas polo ser humano.
A distinción Physis/Nomos é moi similar á nosa distinción entre “Natureza” e “Cultura” ou entre “Natureza” e “convención”.
As posturas que adoptan ante esta distinción dependen de cada autor.
a) Algúns defenden o “Nomos” como algo positivo fronte á natureza que sería negativa para o ser humano. (Protágoras)
b) Outros defenden o natural e consideran as institucións humanas como limitadoras e prexudiciais.
c) Algúns outros defenden o “Nomos” de xeito oportunista, segundo conveña en cada caso. (Calicles)
Os sofistas, fora cal fose a súa postura, aplicaron esa distinción na súa reflexión en torno a toda unha serie de temas dando lugar a moitas ideas novidosas na súa época.
A pregunta que se facían era: As normas polas que nos conducimos tanto individual como colectivamente ¿Teñen unha base natural ou son convencionais?.
1/ IDEAS POLÍTICO-SOCIAIS
As antigas crenzas atribuían á intervención dos deuses a existencia da lei e a sociedade. O lexislador humano ou o redactor de constitucións era so o canal a través do cal os mandamentos dos deuses eran coñecidos.
Cara ao século V, despois das especulacións dos presocráticos, a natureza impersoal reemplaza na mente de moitos gregos aos deuses. A experiencia política democrática fixo que se estendese a idea de que as normas sociais eran unha institución puramente humana ao servizo de necesidades particulares e sen nada permanente e sagrado nelas.
O acto lexislativo ou constituinte empeza a ser considerado como o resultado de un acordo ou pacto entre os membros da comunidade.
Todo o que a cada cidade lle parece xusto é xusto para esa cidade mentres os seus cidadáns o sigan crendo así. A lei é, por tanto, cuestión de nomos.
Os sofistas anticipan a idea de que as leis nacen e se lexitiman a través de algún tipo de contrato ou acordo social.
A defensa da democracia en Grecia asentase sobre a crítica ás oligarquías.
Para os defensores da democracia, os ricos debían participar coma unha clase máis no goberno da cidade, pero sen ter prerrogativas sobre o resto das clases. Algúns sofistas defenderon esta posición.
Así, tamén sucede coas clases aristocráticas. Tradicionalmente considerábase que as clases nobres e aristocráticas estaban mellor preparadas para gobernar en virtude da súa propia natureza, do seu nacemento. Os sofistas introducen no debate a idea de que a súa superioridade é unha cuestión de nomos e que, por tanto pode ser posta en cuestión.
Algúns sofistas plantexan a idea de que non existe distinción natural entre gregos e bárbaros. Esta idea choca frontalmente cos intentos de xustificación da economía escravista en Atenas. Para a maior parte dos gregos non era pensable a súa sociedade sen escravos. Sen embargo algúns sofistas afirmaban que a natureza (a Physis) non fixo a ninguén escravo, senón que é unha cuestión de “nomos”, unha cuestión cultural.
2/ Ideas éticas e relixiosas.
As normas morais son, para os sofistas, unha convención social; non algo absoluto que teña un fundamento na natureza humana nin en xustificacións relixiosas. A norma moral é por “nomos”; tratase dunha costume social que responde a intereses e que como tal pode ser obxecto de discusión.
Os sofistas diferencian claramente a idea de xustiza da de legalidade. A xustiza como algo absoluto non existe, o único que existe é o que unha sociedade considera xusto e que se reflexa nas súas leis escritas.
En relixión os sofistas mantiveron posturas agnósticas (non podemos saber nada sobre os deuses) e incluso claramente ateas (Negar abertamente a súa existencia considerándoos como creacións humanas).
En conxunto os sofistas, apoiándose no concepto de “nomos”, introduciron unha visión humanista e relativista na cultura grega. O home é o responsable último da moral, a estrutura da sociedade e tamén da relixión. Protágoras expresa esta idea coa seguinte frase: “O home é a medida de todas as cousas”. A verdade é sempre relativa a unha persoa ou a unha sociedade. Seguindo esta liña de razoamento algúns sofistas eran abertamente escépticos, é dicir, negaban a posibilidade de coñecer a verdade (Gorxias). Foron defensores dos fundamentos da democracia ao defender as nocións de igualdade ante a lei (isonomía) e foron tamén os primeiros en usar o concepto de xustiza e de lei en sentido político.