Denominamos presocráticos aos filósofos anteriores á época de Sócrates (S V a.c.). Sería, por tanto, aqueles pertencentes ao século VI a.c. Viviron nas colonias gregas (Xonia, Italia…). Todos eles se centraron no estudo da natureza; fixeron Filosofía da Natureza.
O seu modo de estudar a natureza foi puramente especulativo, pero con todo desenvolveron algúns dos conceptos fundamentais en torno aos cales xiraría o pensamento filosófico e científico posterior. Podemos resumir estas ideas do seguinte xeito:
A explicación racional comeza cando a idea de arbitrariedade e azar é substituída pola de necesidade. Cando se impón a convicción de que as cousas suceden tal e como teñen que suceder. No pensamento mítico os fenómenos e sucesos do universo fanse depender da vontade dos deuses. Deste xeito os fenómenos naturais son imprevisibles, suceden de modo arbitrario, dependen dos antollos divinos. Os deuses non se rexen por ningunha lei externa á súa propia vontade. Os filósofos presocráticos introducen a idea de que a causa dos fenómenos naturais non é a vontade dos deuses e de que existe unha certa necesidade no mundo natural.
A idea de necesidade ven acompañada polas de unidade, permanencia e constancia. Detrás da realidade múltiple e na que nada é permanente existe algo que non cambia. Este algo é concebido como un principio material constitutivo (Arché), ou formal (número). Algúns filósofos presocráticos especulan incluso en torno aos procesos que, partindo do Arché, levan á constitución da realidade física (Anaxímenes: condensación e rarefacción).
Máis alá da consideración da existencia de un principio material, algúns presocráticos plantexan a idea de que, detrás do cambio existe un determinado orden natural (Anaximandro: xustiza, Heráclito: tensión harmónica, Logos. Pitagóricos: harmonía numérica). Denominan a esta natureza ordenada “Cosmos”.
De todas estas ideas derivan un concepto de natureza (physis) que nos resulta familiar, determinando a materia e as forzas que a constituen e o seu caracter ordenado e dinámico (dentro, en moitos casos de plantexamentos hylozoístas).
A determinación do que é realmente a natureza non virá dado, para os presocráticos, pola observación (polos sentidos), senón que dependerá de procesos de pensamento e razoamento (Logos, noésis).

Esquema presocraticos