Os historiadores pregúntanse cómo pode chegar a producirse esta noción de isonomía, de igualdade ante a lei. Algúns helenistas buscaron a súa orixe nos documentos textuais máis antigos que conservamos; na Iliada.

Na iliada descríbense situacións nas que os Aqueos, no sitio de Troia, se reúnen en círculo nas praias ante os barcos para repartir o botín e para deliberar sobre as súas accións militares en pe de igualdade e cun cerimonial institucionalizado.

Estes autores creen que este representa a orixe da noción de isonomía na cultura grega na medida en que pasa a ser o modelo de decisión na cidade.

Vexamos un fragmento de un texto do helenista Marcel Detienne en torno a esta tese.

” Por absoluto que sexa o imperio da palabra máxico-relixiosa determinados medios sociais parecen ter escapado del. Dende a época máis remota están en posesión de outro tipo de palabra: a palabra-diálogo… A palabra diálogo está secularizada, provista de unha autonomía propia e ampliada ás dimensións dun grupo social. Este grupo social está constituído polos homes especializados na función guerreira, cuxo estatuto particular parece prolongarse dende a época micénica ate a reforma hoplita que sinala o fin do guerreiro como individuo particular e a extensión dos seus privilexios ao cidadán.

(A continuación fala de certas condutas institucionalizadas entre a clase guerreira: reparto do botín e deliberacións)

…aparece sempre a mesma expresión, “colocar no centro”. A través das formas institucionais que están postas en práctica tanto na entrega de premios como no reparto do botín, os valores do centro aparecen claramente: o centro é “o que é común” e “o que é público”.

Tomar a palabra conleva dous comportamentos xestuais; avanzar cara ao centro por unha parte, e por outra tomar o cetro na man. […] O cetro parece simbolizar , neste costume, a soberanía impersoal do grupo. Falar no centro nas asembleas militares é falar se non en nome do grupo, si ao menos de aquilo que interesa ao grupo como tal: os asuntos comúns.

Nas asembleas guerreiras, a palabra é un ben común […] Cada un apoderase dela por turno co acordo dos seus iguais: de pe, no centro da asemblea, o orador atopase a igual distancia de aqueles que o escoitan, e cada un atopase mediante a súa relación con el, ao menos idealmente, nunha situación de igualdade e reciprocidade.

[…]

Será alí onde se prepare o futuro estatuto da palabra xurídica ou da palabra filosófica, da palabra que se somete á “publicidade” e que obtén a súa forza do asentimento de un grupo social.

[…]

No medio dos guerreiros profesionais esbózanse determinadas concepcións esenciais do primeiro pensamento político dos gregos: o ideal de isonomía, representación de un espazo centrado e simétrico, distinción entre intereses persoais e colectivos.

[…]

A palabra-diálogo continua sendo a pesar de todo un privilexio dos guerreiros profesionais…A esta elite oponse a “masa”, o demos… O demos non ordena, non xulga, non delibera…aínda non é pobo nin estado…farase precisa unha transformación maior: a extensión dos privilexios do guerreiro a todos os membros de un grupo social máis amplo.